domingo, 5 de marzo de 2023

2 PRATAS, 1 BRONCE, 1 QUINTO E 1 NOVENO NOS CAMPIONATOS GALEGOS S15 E 18

 Hoxe sábado 5 de marzo tivemos unha nova xornada maratoniana co campionato de Galicia s15 e s18 no concello da Estrada. Noraboa @s nos@s judokas polo seu rendimento e, sobre todo, polo esforzo. Certo é que esperabamos algo máis dos nosos 2 sub15, pero tamén é certo que era a súa terceira competición nesta tempada e notáronse os nervios que levaron a erros aproveitados polos rivais. 

Comezando c@s s18 temos que dicir que estamos moi satisfeitos co seu rendemento global, xa que @s cinco representantes estiveron na loita polas medallas. 2 pratas, 1 bronce, 1 quinto e 1 noveno reflicten a consolidación dun grupo que ven anos estando arriba, pero que nos últimos compromisos nos deixaba un certo sabor agridoce. Hoxe, se ben podemos poñer matices e contabamos alo menos cun ouro, o rendemento do grupo foi moito alto. 

Se empezamos coa categoría masculina, Javi Veloso saía en -55 kg, con victoria en 1ª ronda ante o judoka do Arteixo, Souto, a quen vence por wazari de contra. Cremos que eramos quen de resolver antes. Nos cuartos de final Fernández do Pontevedra nos leva nos agarres, mal desplazamento noso e victoria do rival. Na repesca nos complicamos a vida e perdemos por amonestacións. Javi deuno todo, pero cremos que lle saca menos partido ao seu judo do que debería. En todo caso, seguimos nesa boa inercia de conseguir estar na loita polas medallas nos últimos campionatos. 

En -60 kg tivemos en xeral de novo a un Tomás Vázquez dun nivel alto, quen resolvía por ippon cun judo variado o seus combates contra Castro do Oleiros e Pérez do Bitácora. En semis, combate contra o cabeza de serie número 1, Samu Tato do Base, quen nos leva os agarres, nós xogamos en demasía co borde do tatami, nos marcan 2 shidos e imos a remolque ata que saímos derrotados por ippon. No bronce estivemos algo espesos cos desplazamentos, o que fai que o coruñés Lago nos marque wazari, pero Tomás logra o ippon cun gran ouchi. De novo arriba, unha mágoa  nas semis non ter rendido mellor, pero tamén hai que dicir que o rival tampouco nos deixou moitas opcións. 

Mario Vilaseco en -66 kg deunos unha alegría tras un anterior torneo moi por debaixo do seu nivel. Hoxe, centrado, co seu judo ofensivo, gañaba de 2 wazari a León do Bitácora e do mesmo xeito a Minambres de Lugokan. Nas semis ippon rápido ante García del Río do GSU. Na final, combate ao ataque sen complexos ante o cabeza de serie número 1, o madrileño con licencia galega, Budia, ao quen proxectamos, puidendo ben ser wazari, pero nos desplazamentos erramos e o rival nos marca un gran ippon. De calquera xeito, Mario mostrou un gran judo e actidude. 

Mateo Bello partía como o favorito no seu peso, mais un rocambolesco triple empate na cabeza na liga de cinco en +90 kg fixo que quedara prata. Judo versátil de Mateo, que gañaba de ippon a Santorun do Pontevedra e Neblea do Lugokan, para cometer contra González do Compostela un importante erro nunha acción na que tiñamos todo para proxectar de cadeira, o árbitro pita mate por estar no borde do tatami, pero atacamos cun mal ura nage e nos marcan ippon. Logo victoria ante Mateo Miranda do Base. Prodúcese un triple empate a 3 victorias e 30 puntos e con victorias cruzadas, co cal decidiuse que o factor que tiña que dar a orde do podium sería a duración total dos combates, o que colocaba a Santorun como ouro, Mateo como prata e González como bronce. Mailo erro, boa competición en xeral para un judoka de primeiro ano como cadete, quen, a priori matematicamente xa queda como primeiro no ranking galego do seu peso e, por ende, clasifica para o campionato de España. 

En -52 kg saía a nosa única judoka feminina, Claudia Martínez, quen pouco a pouco vai volvendo ao seu nivel. É certo que o primeiro minuto contra García do GSU estivemos mal, márcannos un wazari, pero melloramos o agarre e Claudia marca un gran uchi mata. En cuartos entramos lexos e somos contrados pola favorita do peso e ouro finalmente, Rocío Castro do Base. Na repesca, victoria de ippon cun gran ouchi ante Montana do Lugokan. No bronce non esperabamos toparnos coa segunda do ranking, a coruñesa Yanira Silva, quen nos vence. Aínda así, ficamos contentos co rendemento de Claudia, loitando polas medallas, que é o posto onde consideramos, dado o seu judo, debe estar nestes campionatos. 

Os sub 15 pecaron da falta de experiencia, pero consideramos que se esforzaron para participar no galego e hoxe simplemente foi un tropezón. Hugo en +66 kg deixouse dominar arriba por un rival máis baixo que nos deixaba espazos, pero non fomos quen de reaccionar e marcannos ippon, para quedar fóra da repesca. Jesús López en -42 kg tíñao todo ao seu favor cando marca un wazari a 30 segundos do final, pero logo non sabemos defendelo e por manter unha posición defensiva, recibimos o terceiro wazari a uns 10 segundos do final... Unha mágoa.... 

Repetimos o exposto: ¡noraboa ao noso equipo polo seu traballo e a súa actuación hoxe!


No hay comentarios:

Publicar un comentario